Bo Nadal
Agora que este ano 2011 está a rematar, dende Axunica queriamos pórnos en contacto cos nosos socios para agradecervos o apoio e desexarvos que o vindeiro ano sexa, a pesar das nubes mouras de pesimismo que levan tempo abafando a xente, mellor que o anterior.
Coa vosa axuda deste ano desenvolvemos en Nicaragua, sempre atendendo ás peticións da poboación e traballando da man dun equipo formado integramente por persoas nicaraguanas, unha serie de proxectos destinados a mellorar a xustiza social naquelas terras: construción de letrinas, comedores infantís, colocación dunha rede de iluminación pública, potabilización de auga, axudas de emerxencia para os afectados polas inundacións, traballo con grupos de mulleres na procura da superación da fonda desigualdade de xénero, clases de reforzo escolar aos cativos ou bolsas de estudos para os rapaces das comunidades rurais.
A maiores dos proxectos na patria de Sandino, Axunica tamén tentou axudar na medida das súas posibilidades a Haití logo de que este país sufrise un devastador tremor de terra en xaneiro de 2010, coa achega de fondos para dar unha axuda de emerxencia a súa poboación.
Como integrantes da sociedade lucense tamén quixemos poñer o noso gran de area ao longo deste ano para que a faísca da mobilización social, tan necesaria nestes tempos, non se apagara: organizamos un festival no Clavicémbalo de Lugo a prol de Haití, participamos no San Froilán asociativo e na feira de asociacións lucenses, déronse charlas sobre Haití en Muimenta e sobre Nicaragua na Cova da Terra, temos xuntanzas mensuais da ONG abertas a calquera persoa interesada...
A forza primordial que move as nosas actuacións é a procura dun mundo máis xusto, onde o beneficio económico non sexa o leitmotiv que marque as nosas vidas, nunha loita para que máis aló dunha doazón económica puntual, cada día máis xente se cuestione as razóns fundamentais que xeran tantas situacións de inxustiza neste mundo global ao que nos levaron caladiñamente.
Este momento de crise sistémica aguda, estanos a amosar ás sociedades ata hai nada opulentas do “primeiro mundo“, a cara amarga da realidade, unha realidade que leva a vivir durante décadas a inmensa maioría da poboación mundial.
Polo tanto nestes intres de recortes económicos, onde vemos en perigo dereitos que precisaron de anos e anos de loita ata seren conseguidos, tempos en definitiva, onde semella que o máis lóxico sería mirar cada un para o seu embigo e tentar salvar a situación do mellor xeito posible, dende Axunica tentaremos que no 2012 non se nos terminen os folgos para seguir a soñar co outro mundo posible.
Unha aperta ben forte.



